Thursday 25 de April de 2024

Alumnado do CEP Salustiano Rey Eiras inicia as xornadas de turismo mariñeiro dirixidas a escolares


Un total de 40 alumnos e alumnas de 4° da primaria do CEP Salustiano Rey Eiras participaron na mañá deste 21 de setembro na primeira das xornadas de turismo mariñeiro dirixidas a escolares.

O estudantado achegouse primeiramente ata o Auditorio do Museo Valle-Inclán, onde foron recibidos por unha das técnicas do Turismo do Concello, para visionar un vídeo onde se amosa toda a cadea pola que pasan os bivalvos, para, deseguido, desprazarse ata a praia dos Areos, onde coñeceron in situ a profesión das mariscadoras e os tesouros marisqueiros presentes nos areais do municipio, así como os útiles que se empregan para a extracción dos mesmos. Unha experiencia da que desfrutaron os cativos e cativas, pois preguntaron cando podían volver.

Destinadas a grupos escolares de infantil e primaria dos centros educativos de toda Galicia, as visitas transcorrerán ao longo dos próximos meses e seguirase o formato das xornadas que se desenvolveron durante o verán.

Impulsada pola Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e pola Asociación Mar da Pobra, entre os obxectivos principais desta iniciativa figuran achegar o oficio das mariscadoras ás novas xeracións e fomentar o respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ademais de contribuír con esta acción á desestacionalización da demanda turística.